A Deputación honrará as "múltiples facetas" de Luísa Villalta co gallo das Letras Galegas

Obradoiros, libros, unha peza audiovisual e unha gala no teatro Colón son algunhas das propostas do Goberno provincial
A Deputación honrará as "múltiples facetas" de Luísa Villalta co gallo das Letras Galegas
Un momento da presentación da programación provincial | Ethan Álvarez

Co fin de que as celebracións do Día das Letras Galegas se expandan no tempo, a Deputación da Coruña presentou esta mañá a súa programación, coa que busca honrar as "múltiples facetas" da homenaxeada deste ano: Luísa Villalta.

 

A deputada de Igualdade, Soledad Agra, foi a encargada de contar polo miúdo en qué consistirán as súas propostas. Algunhas delas serán os 20 obradoiros que se realizarán en centros educativos de toda a provincia, coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). En representación da entidade, Diana Varela Puñal explicaba que serán autores adscritos á asociación os que participen dos obradoiros, como o que xa a está impartir Marga do Val, de escritura creativa.

 

Co gallo das Letras Galegas, a Deputación tamén comprou para as súas bibliotecas a reedición da obra que Villalta publicou no 2001 'As chaves do tempo' (Cuarto de inverno). Ademáis, o ente provincial publicará unha peza audiovisual na súa páxina web, para homenaxear á artista.

 

O colofón das propostas provinciais será unha gala no teatro Colón o vindeiro 15 de maio. Será unha gala ao "estilo Luísa Villalta", apuntaba Agra, que detallaba que haberá poesía, danza e escenografía, nunha proposta coorindada por Clara Porto, que contará coa presenza da Orquestra Infantil da OSG, así como de Yolanda Castaño, Dores Tembrás ou Mercedes Peón, entre outras artistas. A idea, apuntaba Porto, era precisamente convidar a artistas de diferentes disciplinas para "reinterpretar a poética de Luísa Villalta". A entrada será libre até completar o aforo.

 

Ademáis, o cartel que acompaña a todas estas celebracións fírmao Xulia Pisón, que explicaba que lle deu protagonismo ao violín na imaxe, como forma de representar, primeiro o "planeta" de Luísa Villalta, mentres ao seu redor se ven, precisamente, as súas "múltiples facetas". Para a súa creación, nutriuse do seu "carácter", que lle transmitiron todas as persoas cercanas á figura de Villalta coas que falou Pisón durante o proceso.

A Deputación honrará as "múltiples facetas" de Luísa Villalta co gallo das Letras Galegas

Te puede interesar