Voces sen cadeas

 Cada 3 de maio, no mundo civilizado que habitamos, conmemórase o Día Internacional da Liberdade de Prensa, un necesario recordatorio da importancia fundamental que ten este dereito básico nas nosas sociedades. Si, así é, porque a liberdade de prensa non é só un privilexio para as e os xornalistas, senón o pé fundamental da cidadanía coa que se garante o acceso á información veraz e á diversidade de opinións, piares básicos dunha sociedade avanzada, democrática e plural.


Con todo, agora a sociedade afronta unha serie de ameazas e desafíos que poñen en risco este dereito. A proliferación de noticias falsas, medias verdades e intoxicación orientada a fins espúrreos, veñen socavando a confianza na información, creando un ambiente de confusión e desinformación que pon en perigo a mesma democracia. A velocidade á que se difunden estas falsidades a través das redes sociais e outras plataformas dixitais agudizou este problema, convertendo a verificación da información nunha tarefa cada vez máis difícil de acadar. Neste contexto, o rol do xornalismo profesional vólvese aínda máis crucial. Os xornalistas, como gardiáns da información, teñen a responsabilidade de verificar os datos, contextualizar os feitos e ofrecer análises obxectivas.


Ademais, os profesionais da prensa enfrontan riscos cada vez máis perigosos no seu labor diario.
En zonas de conflito e países do mundo desigual, as e os xornalistas sofren ameazas constantes, non só das partes en confronto, senón tamén de grupos criminais e organizacións mafiosas que buscan silenciar a verdade.


Demasiados comunicadores perderon as súas vidas no exercicio do seu labor, pagando un prezo demasiado alto pola súa valentía, rigor e compromiso coa verdade.


Mirando cara ao futuro, é imperativo defender e protexer a liberdade de prensa como unha necesidade social. Porque non só é un dereito humano fundamental, senón tamén un garante doutros dereitos, como a liberdade de expresión e o dereito á información. Sen ela, córrese o risco de caer en mans réximes autoritarios onde o fluxo de información está controlado e manipulado.


Para manter os valores de tolerancia, coñecemento e pluralidade de opinións, que son fundamentais para os países democráticos, é preciso fortalecer a liberdade de prensa en todas partes. Isto significa protexer aos xornalistas de calquera forma de represión ou violencia, promover a alfabetización da cidadanía na comprensión e lectura dos medios para, deste xeito, discernir entre a verdade e a falsidade, e fomentar a diversidade e a independencia nos medios de comunicación.


Neste día de reivindicación e recoñecemento, é xusto lembrar que só cunha prensa libre, variada e responsable poderase construír sociedades máis xustas, tolerantes e plurais, onde o coñecemento e a verdade sexan a base para o desenvolvemento e o benestar social. Precísase un mundo onde a liberdade de prensa sexa un dereito inalienable para todos. Un universo de voces sen cadeas.  

Voces sen cadeas

Te puede interesar